Rafa Domínguez avanza na adaptación do proxecto de Santa Clara á visión do novo Goberno da Deputación de Pontevedra

No marco do “diálogo e escoita activa”, o vicepresidente da institución provincial mantivo no Edificio Fernández López unha xuntanza de traballo co equipo directivo e con persoal do Museo de Pontevedra e do departamento de Arquitectura da Deputación

07/11/2023

Reunión no Museo

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, reuniuse co equipo directivo e con persoal do Museo de Pontevedra e do departamento de Arquitectura da institución para avanzar no novo proxecto para Santa Clara; o obxectivo é adaptalo á visión do novo Goberno provincial,  para poñer en valor o recinto como “parte fundamental do Museo”, e salvagardar os seus xardíns centenarios para converter Pontevedra nun referente cultural a nivel nacional e internacional.

“Está claro que é necesario modificar algúns aspectos do proxecto que non se corresponden coa idea que entendemos que debe representar Santa Clara para o Museo. O convento non pode ser un simple almacén de restos arqueolóxicos, non é o axeitado; hai outros lugares que poden servir para ese propósito. O noso obxectivo é abrir e incorporar Santa Clara a toda a cidade, adaptando o espazo sen danar uns xardíns que levan máis de 400 anos pechados”, asegurou o vicepresidente provincial. Deste xeito, xunto ao equipo do Museo e do servizo de Arquitectura, e no marco do “diálogo e escoita activa”, Rafa Domínguez analizou as diferentes posibilidades para avanzar no proxecto de reforma do convento. 

Neste eido, o vicepresidente amosou novamente o compromiso do Goberno da Deputación de Pontevedra para converter a cidade nun referente cultural a nivel nacional e internacional. “Este é o noso obxectivo e cara el traballamos a diario, porque sabemos, ademais, que converter esta cidade nun referente cultural xerará un efecto multiplicativo nos visitantes que vistan a nosa provincia”.