O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, visita a rodaxe de San Simón en Santa Clara

03/04/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asiste en Santa Clara á rodaxe do filme San Simón, dirixido por Miguel Ángel Delgado e producido por Andrea Vázquez. Durante a súa visita, o vicepresidente tivo a oportunidade de coñecer a recreación que se está a realizar en Santa Clara do edificio asistencial e de enfermería que había en San Simón entre 1936 e 1943, cando a illa era unha colonia penal.

San Simón é un filme baseado en historias reais de presos republicanos que recalaron no cárcere da illa, unha das prisións coa taxa de mortalidade máis alta debido ás súas condicións inhóspitas. A trama da película, que se prevé estrear a finais deste ano ou comezos do 2025, aséntase en diarios, cartas e memorias das persoas presas. Ademais de rodarse no convento de Santa Clara de Pontevedra e na illa de San Simón, tamén se vai rodar na ETEA de Vigo e na Cova da Moura de Ourense.