Rafa Domínguez asiste á recepción das obras de rehabilitación interior e mellora da accesibilidade da Casa Consistorial de Pontevedra, onde a Deputación investiu preto de 1,8 millóns de euros
“Hoxe é un día de alegría para todos os pontevedreses porque despois de moitos anos pechado e moi deteriorado, este edificio da Casa Consistorial vai poder abrir as súas portas”, asegurou o vicepresidente da Deputación
14/10/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de asistir á recepción das obras da Casa Consistorial de Pontevedra, onde a Deputación investiu preto de 1,8 millóns de euros fronte aos 136.000 que achegou o Concello. Deste xeito, cos recursos provinciais o Concello e a veciñanza de Pontevedra recuperan a Casa Consistorial, un edificio histórico no que se acometeron obras de rehabilitación do seu interior e de mellora da accesibilidade.
“Hoxe é un día de alegría para todos os pontevedreses porque despois de moitos anos pechado e moi deteriorado, este edificio da Casa Consistorial vai poder abrir as súas portas”, asegurou o vicepresidente provincial. Esta actuación era “unha demanda colectiva e a Deputación de Pontevedra soubo estar á altura”, destacou Domínguez quen recordou que a institución provincial achegou preto de 1,8 millóns de euros, o 93% do custe da reforma da Casa Consistorial. Neste eido, o vicepresidente amosou a vontade de “seguir colaborando co Concello de Pontevedra para poder impulsar proxectos como este edificio ou outros nos que tamén está implicada a institución provincial como o campo de fútbol de Salcedo, a estrada de circunvalación para Montecelo ou a praza de Barcelos, que redundan en beneficio dos pontevedreses”.
Inicialmente a Deputación de Pontevedra tiña comprometido destinar a esta actuación máis de 1,3 millóns de euros pero en maio deste mesmo ano, o Concello de Pontevedra remitiu á institución provincial un proxecto modificado solicitando un incremento da contía dos fondos comprometidos en 430.000 euros. Neste eido, a Deputación, tal e como recordou Domínguez, aceptou destinar preto de 420.000 euros ao modificado da obra, debido a que os restantes 10.000 euros correspondíanse coa baixa de adxudicación, crédito que xa estaba comprometido polas dúas administracións.
