Respaldo da Deputación á Asociación Empresarias de Galicia nun encontro coa presidenta do colectivo, Susana Pérez

A reunión tivo lugar este luns no despacho presidencial do Pazo provincial e nela déronse a coñecer as actividades que organizará a asociación ao longo do próximo mes de outubro

19/09/2023

Asociación Empresarias de Galicia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, exhibiu o respaldo do Goberno provincial á proposta de organizar a sétima edición do Congreso Empresarial Acción e Implicación que a presidenta da Asociación Empresarias Galicia, Susana Pérez, lle presentou este luns nunha reunión que tivo lugar no seu despacho do Pazo provincial.

O mandatario popular felicitou o colectivo pola iniciativa e mostrou tamén o seu máximo apoio a este tipo de actividades que contribúen a dinamizar a economía provincial e a avanzar cara  a unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes.

A colaboración entre ambas as entidades non é unha novidade. No que vai de década, a Asociación Empresarias Galicia participou en diferentes programas provinciais relacionados co emprendemento e coa educación.  A intención do Goberno que encabeza Luis López é fortalecer e potenciar a colaboración non só con este colectivo, senón con todo o tecido asociativo da provincia.

Deste xeito, o ente provincial colaborará na organización da sétima edición do Congreso Empresarial Acción e Implicación, que terá lugar na sede Afundación de Vigo o martes 24 de outubro, de 9:00 a 18:30 horas, e contará coa participación de expertas e expertos multidisciplinares en sesións de obradoiros e traballos en grupo.