A Deputación inviste 120.000 euros en obras de emerxencia na EP-0001 entre Bértola e Ponte Sampaio tras os danos causados polos recentes temporais

Rafa Domínguez visitou hoxe os traballos, que permitirán reparar un noiro derribado na marxe dereita da estrada para garantir a seguridade viaria

31/10/2023

Rafa Domínguez

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar as obras de emerxencia que permitirán reparar un noiro na estrada provincial EP-0001, Bértola-A Canicouva-Ponte Sampaio, no concello de Pontevedra, e nas que investirá 120.000 euros. O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, desprazouse esta mañá á zona afectada, situada no p. q. 3+380 da vía, para visitar a actuación que se está a desenvolver e que ten como obxectivo, sinalou, “garantir a seguridade viaria e evitar riscos de danos maiores”.

Segundo explicou, os recentes temporais provocaron o derrube deste noiro na marxe dereita da estrada, polo que inmediantamente se sinalizou o corte do carril dereito e se balizou o desprendemento. Domínguez explicou que, ante “o grave perigo polo desbordamento da auga e arrastres na calzada, que danan seriamente o noiro que sustenta a vía”, se decidiu acometer estas obras de emerxencia, “coas que imos darlle solución a esta problemática e garantir a seguridade”, cuxa duración se estima en dous meses.