A Deputación aumenta ata os 350.000 euros o crédito das axudas para a posta en marcha de actividades culturais
Luis López sinalou que se trata dun incremento de 50.000 € e un 17% respecto ao exercicio anterior, cando alcanzaron a máis de 200 entidades
27/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que as axudas para a posta en marcha de actividades culturais por parte de entidades sen fins de lucro aumentan o seu crédito ata os 350.000 euros, “unha suba de 50.000 euros e do 17% respecto ao ano pasado, cando alcanzaron a máis de 200 colectivos”. As bases aprobáronse na sesión da Xunta de Goberno desta semana.
As axudas a actividades culturais divídense en dúas liñas, a primeira dotada de 290.000 euros (fronte aos 250.000 euros de 2025) cos que se poderán financiar actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial da provincia, certames e actividades de posta en valor da pintura, escultura, arquitectura e banda deseñada, tamén festivais, mostras, encontros ou certames culturais, ou festivais/actividades relevantes de promoción da nosa cultura e tradicións que se celebren fóra de Galicia. A segunda, dotada de 60.000 euros (fronte aos 50.000 € de 2025), está reservada á participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais, ou en intercambios culturais fóra de Galicia.
Cada entidade poderá recibir ata 2.500 euros e un máximo do 75% do orzamento da actividade, cun prazo dun mes para solicitalas a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. A Deputación de Pontevedra promove e fomenta a cultura galega nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, subvencionando unha media de duascentas actividades culturais anuais co fin de contribuír á promoción e protección deste patrimonio, á dinamización cultural especialmente nas zonas menos poboadas, e promover e difundir as tradicións e as distintas manifestacións culturais da provincia e Galicia.
