140.000 euros a Salvaterra para reparar os danos causados polas inundacións do pasado inverno

O presidente sinalou que as achegas provinciais permitirán actuar en camiños municipais situados nos lugares de Xestal, Espedrigada, Fillaboa, Muíño da Ponte, Serradela, Medóns e Sampríns

11/08/2023

xunta de goberno

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou en rolda de prensa da aprobación en Xunta de Goberno dunha achega de 140.000 euros para o Concello de Salvaterra de Miño co obxectivo de reparar os danos causados polas inundacións do pasado inverno en infraestruturas de titularidade municipal deste concello. O presidente provincial sinalou que “as administracións debemos axudar os concellos da provincia, ante estas situacións imprevistas, para facerlles fronte a estas circunstancias, repoñer as súas infraestruturas e mesmo melloralas de cara a situacións similares no futuro”.

Deste xeito, os recursos que recibirá o Concello de Salvaterra destinaranse ás obras de reparación dos danos causados polas inclemencias meteorolóxicas en varios camiños municipais, un total de sete localizados de seis parroquias, situados nos lugares de Xestal (parroquia de Arantei), Espedrigada (Porto), Fillaboa (Salvaterra), Muíño da Ponte (Corzáns), Serradela (Meder), Medóns e Sampríns (Leirado).

Por mor das inundacións, todas estas infraestruturas presentaron desbordamentos e deterioro de cunetas, desprazamento de muros de contención ou danos no sistema de drenaxe. Grazas ás axudas aprobadas pola Deputación, os proxectos de reparación permiten refacer os muros de contención destas sete vías municipais. Ademais, naquelas nas que é necesario, tamén se executan novas cunetas, colócanse biondas de seguridade e reponse os sistemas de drenaxe danados.