Luisa Sánchez participa na presentación do ITF World Tennis M15 de Sanxenxo
11/04/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este venres no Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo na presentación da nova edición do ITF World Tennis M15, que reunirá a máis de medio cento de deportistas entre o 20 e o 27 de abril nas instalacións da Cultural co apoio da institución provincial. A vicepresidenta lembrou “o encontro final do ano pasado, co grande espectáculo de dous sets que nos ofreceron Julio César Porras e Diego Fernández Flores”, e asegurou que “este ano volveremos vivir encontros emocionantes e de vertixe”. Esta cita foi, de feito, “un dos primeiros actos aos que asistín como vicepresidenta da Deputación, polo que lle teño un especial cariño”, e na nova edición do ITF World Tennis M15 daranse cita o vigués Tomás Currás, na fase de finais, e o pontevedrés Iago Domínguez, vixente campión galego absoluto que participará convidado por Wildcard.
Luisa Sánchez asegurou que “é unha marabilla poder presumir de que a provincia de Pontevedra vai ser o escenario no que os mellores do tenis mundial na súa categoría van medir as súas forzas”, e sinalou que “para a Deputación de Pontevedra cumprir co M15 de Sanxenxo era unha obriga e tiñamos que estar á altura”. “Sabemos que o noso territorio ten un gran potencial para atraer as principais competicións deportivas do mundo grazas ás nosas infraestruturas, a deportistas de alto nivel e profesionais que se deixan a pel na organización, por iso temos que poñer en valor o enorme esforzo do equipo da Cultural e por iso tiñamos que estar hoxe aquí, apoiando esta proba tan importante para Sanxenxo e o conxunto de Pontevedra”, asegurou a vicepresidenta da Deputación.


