Luisa Sánchez visita as instalacións do Club de Remo Virxe da Guía e insiste na necesidade de avanzar no convenio co Concello de Vigo para investir recursos provinciais na súa cuberta
“Reclamamos avanzar no convenio de investimentos co Concello de Vigo relativo a 2025 e así dar resposta a esta actuación e outras moitas, como a reconstrución da piscina de Teis ou a mellora integral do pavillón de Carballal, que son un verdadeiro clamor social”, remarcou a vicepresidenta provincial
09/04/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de visitar as instalacións do Club de Remo Virxe da Guía onde insistiu na necesidade de avanzar no convenio co Concello de Vigo para investir recursos provinciais na súa cuberta. “Reclamamos impulsar –remarcou Sánchez- o convenio de colaboración entre ambas institucións para investimentos na cidade relativo ao 2025 e así dar resposta a esta actuación e outras moitas, como a reconstrución da piscina de Teis ou a mellora integral do pavillón de Carballal, que son un verdadeiro clamor social”.
Segundo recordou a vicepresidenta provincial o Club de Remo Virxe da Guía leva máis dun ano sen teito nas súas instalacións e pese ao compromiso do Concello de Vigo, a día de hoxe esta actuación non parece ter data de comezo. “Dáme mágoa que unha entidade como esta, con preto de catro décadas de historia, mesmo tivera pensado en rematar a súa actividade por esta situación que require unha intervención urxente e inaprazable, así que agardo que axiña poidamos avanzar no convenio entre a Deputación e o Concello para arranxar estas instalacións e que se volva encher de nenas, nenos, mozas e mozos para gozar dun deporte tan marabilloso como é o remo”, subliñou Sánchez.
A vicepresidenta recordou que esta mesma semana remitiu unha carta ao rexedor local, Abel Caballero, en resposta á misiva que o alcalde enviou á Deputación días atrás. Nesa comunicación, garantiu a súa “colaboración leal” para “continuar traballando polos intereses de todos os vigueses e as viguesas”. Neste eido, recordou que no último ano e medio o organismo provincial realizou un “investimento sen precedentes” na cidade, de 30 millóns de euros, que inclúe a reforma da bancada de Gol do estadio de Balaídos, o rescate dos 6,2 millóns de euros que estaban a piques de caducar por falta de execución e os novos proxectos acordados entre ambas administracións.
“Este importe supera con moito os 5 millóns anuais achegados regularmente e a subida da inflación que, por outra banda, nunca se demandou durante os oito anos de goberno da corporación provincial anterior”, sinalou Luisa Sánchez quen recordou que, completado o primeiro trimestre do ano, o goberno local aínda non presentou ningunha proposta para incluír no convenio correspondente a 2025. Pola contra, a Deputación acaba de trasladar ao Concello proxectos como esta cuberta das instalacións do Club de Remo Virxe da Guía, pero tamén a reconstrución da piscina de Teis e a mellora integral do pavillón de Carballal.
