A Deputación impulsa a mostra itinerante “A camelia, flor das galegas e dos galegos”, que encherá de cor durante dez días a praza de Santa María en Pontevedra

Tras o seu paso por Pontevedra, a exposición percorrerá os concellos da provincia para dar a coñecer desde a historia da camelia ata os seus coidados e a súa relación coas artes e coa gastronomía

07/02/2024

A camelia, flor das galegas e dos galegos

A deputada de Turismo, Nava Castro, visitou esta tarde en Pontevedra a mostra itinerante “A camelia, flor das galegas e dos galegos”, que durante dez días encherá de cor a praza de Santa María. Trátase dunha exposición que, tras o seu paso por Pontevedra, percorrerá os concellos da provincia nos que se organizan mostras sobre a camelia para “achegarlle a toda a cidadanía información sobre esta flor, desde a súa historia ata os seus coidados; a economía que xira arredor dela; a súa relación coas artes, coa gastronomía ou coa moda; os produtos da camelia; ou a ruta que se pode realizar pola nosa xeografía arredor desta flor”, asegurou a deputada provincial.

“Trátase dunha experiencia 100 % Rías Baixas”, remarcou Nava Castro, xa que a camelia é “un símbolo para as galegas e galegos, algo que nos identifica e co que tamén nós nos sentimos moi identificados”. Tamén detallou a deputada o poder da camelia como “revulsivo turístico cunha capacidade desestacionalizadora moi importante” e a súa amplitude de usos ao “aproveitarse todo dela. Desde aceite para cociñar ata para a pel, produtos para o pelo, té das súas follas, a súa madeira…. na Estación Fitopatolóxica Areeiro traballan arreo para sacarlle partido a esta marabillosa flor que está chea de sorpresas”, subliñou.

“A camelia, flor das galegas e dos galegos”, impulsada pola Sociedade Española da Camelia en colaboración coa Deputación de Pontevedra, conta con 14 tótems nos que se recollen os segredos e as curiosidades desta flor a través dun percorrido ao aire libre ameno e visualmente atractivo. Os paneis presentan información sobre a historia e as variedades de camelia; os xardíns destacados desta flor en Galicia; os nomes das camelias; os seus coidados, a economía desta flor e os seus derivados; a aplicación da camelia na gastronomía tanto a través do aceite coma de marmeladas, vermú ou galletas; e a relación da flor coas artes e coas figuras destacadas relacionadas coa camelia, con fotografías de persoas de diferentes ámbitos que teñen relación coa flor.