A Deputación activa a programación do Nadal co acendido, este sábado, da iluminación do Pazo provincial e o arranque de actividades culturais por toda a provincia
“Un Nadal que saia do noso interior” será o lema elixido polo goberno provincial para festexar estas datas este ano, centrándose no interior e en liña coa campaña de promoción turística deseñada para este ano: Cando volves?
28/11/2025
A Deputación de Pontevedra activa a programación do Nadal co acendido, este sábado, da iluminación do Pazo provincial e o arranque de actividades culturais por toda a provincia. O acto deterá lugar ás 18:30 horas e estará acompañado de música, da inauguración dunha mostra con adornos artesanais de vidro e do Belén e dunha chocolatada. “Seremos a primeira institución en acender o seu alumeado na cidade de Pontevedra, nunha xornada á que están todos os veciños e veciños da provincia convidados”, subliñou o presidente quen detallou que en total serán 250.000 luces eficientes as que iluminen os edificios da Deputación nestas datas.
“Un Nadal que saia do noso interior” será o lema elixido polo goberno provincial para festexar estas datas, centrándose no interior e en liña coa campaña de promoción turística deseñada para este ano: Cando volves? Segundo explicou o presidente, a decoración do Pazo, que tamén se presentará o sábado, contará con elementos propios do bosque autóctono galego como carballos e vexetais da nosa contorna. Ademais, “nun ano no que sufrimos unha importante vaga de lumes”, esta decoración servirá para amosar “o renacer dos bosques, da vida, da esperanza… desde o interior”.
A xornada do sábado no Pazo Provincial, que contará coa música de Xigro´s Big Band e unha chocolatada, completarase coa inauguración da exposición da colección ViCo, que conta con máis de 1.200 adornos artesanais de vidro fabricados para ser colgados nas árbores de Nadal e que xa foron expostos en diferentes museos de España e Portugal. En concreto, no Pazo provincial poderanse ver en seis vitrinas algunhas destas pezas que aluden a aspectos da Pontevedra interior como o mundo gandeiro, agrario, os montes ou a gastronomía.
Programación de Nadal
Ademais da iluminación e da decoración do Pazo provincial, a Deputación ten previsto para estas datas unha ampla programación de actividades que inclúe o ciclo de concertos Entradiñas de Aninovo, que comeza tamén este sábado cun concerto gratuíto da Banda Filharmónica de Vigo en San Miguel de Oia, ás 19:00 horas, e continuará con outras actuacións ao longo do mes de decembro en diferentes concellos da provincia.
Pola súa banda, no Museo de Pontevedra inaugurarase o 19 de decembro a última exposición do ano: “Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX”. A carón desta mostra organizaranse obradoiros para nenas e nenos de 5 a 12 anos que terán lugar os días 12, 26 e 30 de decembro e 2 de xaneiro, a cargo de Sofía Venzel e Míchel Casado, de Comité Ilustrado. O prazo de inscrición abrirase proximamente e nestas actividades a rapazada aprenderá a deseñar publicidade, a crear colaxes, actualizarán retratos decimonónicos e elaborarán o primeiro xornal do ano 2026.
Ademais, o presidente tamén adiantou que durante estas datas “tamén haberá tempo para visitas máxicas ao Pazo provincial da Deputación que seguirán espallando ilusión entre as nenas e nenos da provincia”. En definitiva, remarcou Luis López, “agardamos con Un Nadal que saia do noso interior encher de ilusión estas datas tan especiais do ano, que espero veñan cheas de saúde e boas novas para todas e todos vós, para todos os veciños desta provincia”.
