Luisa Sánchez convida ao comercio e a hostalería local a participar no concurso ‘Ilumina o teu escaparate’ e anima a mercar nas tendas de proximidade durante o Nadal

A vicepresidenta recorda que a sede da Deputación en Vigo acollerá unha ‘masterclass’ sobre escaparatismo, decoración, atención ao cliente e redes sociais

13/11/2025

cuarta edición do concurso 'Ilumina o teu escaparate'

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, convidou este xoves ao comercio e a hostalería local a participar na cuarta edición do concurso 'Ilumina o teu escaparate', organizado por diversas asociacións sectoriais de Vigo co apoio da institución provincial para incentivar o consumo nas tendas de proximidade durante o Nadal. Así, do mesmo xeito, animou á cidadanía a mercar nos establecementos da cidade durante esta "importante campaña".

Tras salientar o crecemento que está a rexistrar este concurso, ao que veñen de sumarse os hoteis e os locais de restauración, Luisa Sánchez recordou que a sede da Deputación en Vigo acollerá os días 17 e 18 de novembro unha 'masterclass' sobre escaparatismo, decoración ambientada no Nadal, atención ao cliente e redes sociais.

"Este concurso é unha forma de dicirlle á nosa cidade que o comercio e o sector hostaleiro nos abren as súas portas cun sorriso. E tamén con gañas. Detrás de cada escaparate, de cada luz, de cada adorno, de cada detalle hai horas de traballo e de cariño. Por iso, quero gabar o labor de quen impulsa esta iniciativa, coma sempre, y de quen a secunda. Desde a Deputación de Pontevedra cremos firmemente que os establecementos de proximidade son sector económico importante pero tamén un espazo de relación e de confianza", sostivo a vicepresidenta provincial durante a presentación de 'Ilumina o teu escaparate'.

O concurso comeza o 20 de novembro e remata o 10 de decembro. Os locais interesados en participar deben enviar fotografías da decoración elaborada nos seus establecementos ao enderezo electrónico iluminatuescaparate@gmail.com. A gala de entrega de premios celebrarase o vindeiro 18 de xaneiro de 2026 no auditorio da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.