Luis López anuncia que a Deputación apoiará a realización dos partidos internacionais das seleccións de balonmán na provincia

A selección absoluta feminina medirase ao combinado de Acerbaixán o 7 de abril no Porriño e a masculina enfrontarase a Serbia o 8 de maio en Lalín

18/03/2024

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de informar que a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación do patrocinio para a realización na provincia de dous partidos oficiais internacionais das seleccións absolutas masculina e feminina de balonmán esta primavera. En concreto, tal como sinalou López, “destinaremos 179.000 euros que permitirán que se leven a cabo os encontros no Porriño o 7 de abril e o próximo 8 de maio en Lalín”.

Esta colaboración da Deputación coa Federación Galega de Balonmán, asegurou o presidente provincial, enmárcase no “noso obxectivo de seguir fomentando, promovendo e difundido o deporte, e tamén colaborando cos municipios para chegar a todos os recunchos da provincia”.

As Guerreiras, nome co que é coñecida a selección absoluta feminina, mediranse ao combinado de Acerbaixán nun encontro clasificatorio para o Campionato de Europa 2024 que terá lugar o 7 de abril no Porriño. Pola outra banda, os Hispanos, alcume da selección absoluta masculina, enfrontaranse o 8 de maio a Serbia en Lalín no choque de ida dunha eliminatoria na que estará en xogo o billete para o Campionato do Mundo masculino do próximo 2025.

audios