A Deputación concédelle preto de 36.000 euros ao Concello de Oia para o proxecto de construción dun pumptrack

A actuación será financiada integramente pola Deputación xa que aos 36.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas hai que engadirlle outra achega de máis de 18.000 euros do Plan +Provincia

22/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de preto de 36.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o Concello de Oia para o proxecto de construción dun pumptrack na vila. A actuación, que ascende a preto de 54.000 euros, será financiada integramente pola institución provincial xa que a estes recursos do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, hai que engadirlle outra achega de máis de 18.000 euros do Plan +Provincia.

Cos recursos provinciais o Concello de Oia poderá financiar o proxecto de construción dun pumptrack nas antigas instalacións municipais do campo de fútbol do Cabezo, na parroquia de Mougás, que contará cunha superficie asfaltada de 360 metros cadrados e un trazado apto para todas as persoas usuarias, independentemente da súa idade e experiencia. O proxecto contempla os traballos previos de limpeza do terreo, de instalación de drenaxe e recollida de augas pluviais, de acondicionamento e de deseño e asfaltado do trazado, así como da posta en marcha da sinalización horizontal.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento 1,8 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para Oia, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, A Lama, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.