A Deputación felicita ao Club Galaico Sincro tralos seus éxitos no campionato de España de inverno

A dirección do club pontevedrés, corpo técnico e deportistas foron recibidos hoxe no Pazo Provincial

19/04/2022

Recepción ao Galaico-Sincro

Nadadoras e nadadores do Club Galaico Sincro foron recibidos hoxe no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra onde a  deputada Ana Laura Iglesias trasladoulles a felicitación da institución provincial tras ter acadado numerosos éxitos nos campionatos de España de inverno das categorías alevín, infantil e júnior. As e os deportistas estiveron acompañadas polas súas familias, polo presidente do club, José Maquieira, e dúas das adestradoras, María Jesús Refojo e Diana Fernández, que arrouparon en todo momento á rapazada que incluso se atreveu a facer unha pequena mostra das figuras que fan na auga.

Ana Laura Iglesias agradeceu ao club que estea a “levar o nome de Pontevedra provincia por todas as competicións e subíndoo ao máis alto do podio cuns resultados que son totalmente marabillosos e impresionantes”. Este feito pon de manifesto o importante que é “seguir mantendo o apoio a todos os equipos e clubs deportivos da provincia e sobre todo aos de canteira que nos dan tantas alegrías”. Un apoio necesario para que as e os nadadores continúen o seu camiño neste deporte do que son “protagonistas” pero cuxo percorrido sería imposible “sen o corpo técnico, a dirección do club e as nais e pais que fan un esforzo enorme porque poidan adestrar e competir”.

A deputada non quixo pasar de longo a participación na categoría alevín de Clara Maquieira, Carolina Pazos e Iván González, cuxa presencia pon de manifesto que “este é un deporte inclusivo e non só de mulleres”. Tamén se referiu a Daniela Suárez, da categoría infantil, que está a adestrar coa selección española e que competirá no campionato europeo e no mundial onde a deputada provincial está segura “que vai facer un grandísimo papel”. O Club Galaico Sincro tamén participou no Campionato de España na categoría júnior con María Maquieira, Uxía Saavedra e Juan David Hernández, primeiro neno do club que participa nesta competición.

O presidente José Maquieira deu as grazas á Deputación por recibir ao club no Pazo Provincial xa que este tipo de actos “danos a visibilidade que tanto precisamos posto que somos un deporte minoritario que está a medrar”. Cos resultados sobre a mesa o responsable do Club Galaico Sincro deixou claro que “se a Deputación está orgullosa imaxínate nós, que sabemos a paixón destas nenas e nenos polo de porte é o que fai que non se morra”. En representación do equipo tomaron a palabra Iván González e María Maquieira que cos nervios propios de falar ante o público resaltaron o ben que o pasaron no campionato estatal, onde o deron todo de si do mellor xeito posible.

Galerias de imagenes