A Deputación respalda ao “restaurante máis pequeno do mundo”, que pon en valor o producto de proximidade e fomenta o turismo na provincia

A iniciativa xurdiu ao abeiro do Barbeira Season Fest en Baiona e estará en funcionamento entre o 15 e o 30 de agosto cunha única mesa para 10 comensais

 

29/06/2022

Restaurante Rías Baixas

“Rías Baixas, o restaurante máis pequeno do mundo e a provincia máis grande do mundo” abrirá as súas portas este verán e farao da man da Deputación de Pontevedra e do Barbeira Season Fest, que brindan todo o seu apoio a este proxecto que pon en valor o produto de proximidade, á vez que fomenta o turismo da provincia. Así o anunciou a presidenta da institución, Carmela Silva, na presentación desta iniciativa “con capacidade de atracción nacional e internacional”. Tamén estiveron presentes Carlos Gómez, alcalde de Baiona, o chef con Estrela Michelín Rafa Centeno, que é o comisario do proxecto, Eva Díaz, organizadora do Barbeira Season Fest e deste proxecto, e Hugo Pérez, representante de Mahou San Miguel Galicia. Trátase dun restaurante efémero xurdido no marco do Barbeira Season Fest e estará en funcionamento entre o 15 e o 30 de agosto en Baiona cunha única mesa pensada para 10 comensais e con servizo de comida e cena. Será o propio Rafa Centeno quen se encargue do menú.

Na presentación a presidenta Carmela Silva amosouse “absolutamente feliz por ver o ‘talentazo’, a creatividade e a capacidade innovadora desta provincia”. E agradeceu á organización todo o seu traballo para levar a cabo unha iniciativa “que nos sitúa no centro das maiores ideas que están a acontecer vinculadas ao turismo sostible, á cultura e á gastronomía”. Tamén tivo palabras para Baiona, o concello que acollerá o restaurante: “É un deses fermosísimos lugares que temos na provincia onde hai costa, patrimonio, cultura, gastronomía e paixón por levar a cabo ideas tan marabillosas coma esta”. Ademais, Carmela Silva puxo en valor “o produto da nosa terra, que é o mellor produto do mundo” e fixo un recoñecemento ao Barbeira Season Fest ao que definiu como “unha idea extraordinaria que leva a cultura ao territorio e faino con conceptos imprescindibles para o futuro como a igualdade, a sostibilidade e a aposta pola cultura”.

Carlos Gómez, alcalde de Baiona, deu ás grazas á Deputación polo seu apoio a esta iniciativa e tamén destacou o labor da organización do Barbeira Season Fest, “que ten un compromiso coa súa idea e con Baiona”. Este restaurante será “unha experiencia inigualable” e dará ao concello  “un valor engadido”. Gómez lembrou que “somos e seguiremos sendo un referente turístico e temos que seguir traballando para diferenciarnos. Quedan moitas cousas por facer e, sobre todo, hai que facelas dunha maneira totalmente diferente”. Ademais, animou a desfrutar de Baiona “ao logo do verán e durante todo o ano”.

Tamén tomou a palabra Rafa Centeno, chef con Estrela Michelín e un dos embaixadores/as Rías Baixas en 2021, quen explicou que o restaurante servirá para “transmitir a esencia de Galicia”. As persoas que desfruten do seu menú “pasarán un momento divertido e coñecerán as raíces do produto de Galicia. Será unha experiencia diferente con produtos moi bos, non só á hora de comer senón tamén de beber”.  Eva Díaz, representante da organización do Barbeira Season Fest e deste proxecto, asegurou que “o restaurante está nas mellores mans e manterá a súa esencia”. Ademais, subliñou que “se algo caracteriza ao Barbeira é que sempre creamos contidos e propostas orixinais que acaban cobrando vida” como é esta iniciativa. Para Hugo Pérez, representante de Mahou San Miguel en Galicia, “é un enorme orgullo seguir apostando por un festival que non para de medrar e que ten iniciativas tan orixinais coma esta. O proxecto será todo un éxito e unha acción referente”.

videos