A Deputación ten aberto o prazo para que entidades sen fins de lucro soliciten algún dos obradoiros de “+Xuntas”

O programa provincial, dotado con 300.000 euros, ten por obxectivo impulsar a participación activa das mulleres, xerando vínculos e fomentando as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias

03/02/2024

A Deputación de Pontevedra abriu o prazo para que as entidades sen fins de lucro da provincia que teñan como obxectivo a promoción das mulleres e apoien o seu desenvolvemento poidan solicitar algúns dos obradoiros de “+Xuntas”. A través deste programa, dotado con 300.000 euros, a institución provincial pretende impulsar a participación activa das mulleres, xerando vínculos e fomentando as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias

Cada entidade poderá solicitar un dos 207 obradoiros ofertados e o prazo para facelo manterase aberto ata o 1 de marzo. Estas accións formativas, dirixidas a un máximo de entre 20 e 25 persoas, segundo a especialidade, e cunha duración de 35 horas, enmárcanse nas temáticas de tecnoloxía, creatividade, natureza e saúde.

Deste xeito, en “+Tecnoloxía” contémplanse cursos de alfabetización dixital, de socialización coas redes sociais, de administración electrónica e de administradoras de redes sociais. Pola súa banda, en “+ Creatividade” as entidades poderán seleccionar entre accións formativas relacionadas coa pintura a outras centradas no teatro, encontros con lectoras, patchwork, personalización de álbums e artesanía en coiro. Ademais, a través de “+ Natura”, a Deputación de Pontevedra inclúe accións formativas centradas nas plantas medicinais, a conservación de alimentos, a xardinería, as hortas ecolóxicas e o arte floral; e, por último, “+ Saúde” ofrece obradoiros de ioga, pilates, taichí, ximnasia hipopresiva, menopausa de forma saudable, autocoidado, autoestima e comunicación asertiva, musicoterapia, risoterapia e atención plena.