A Deputación abre o prazo para que entidades sociais soliciten actuacións centradas nos colectivos en risco de vulnerabilidade

A liña de axudas, dotada con 470.000 euros, permitirá financiar actividades para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas, cun máximo de 7.000 euros por proxecto

14/02/2024

A Deputación de Pontevedra abre este venres 16 de febreiro o prazo para que entidades sen ánimo de lucro poidan realizar actuacións centradas nos colectivos que precisan apoio desde o punto de vista social. Esta liña de axudas está dotada con 470.000 euros. Con estes recursos poderán financiar actividades de iniciativas postas en marcha para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas que, polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas, socioeconómicas ou de natureza análoga, se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social. Só se concederá unha subvención por entidade e o importe máximo de cada unha non superará os 7.000 euros nin o 80 % do orzamento total de cada actuación.

Esta liña de axudas está enfocada a entidades de iniciativa social con sede social ou delegación na provincia e poderán ser obxecto de subvención as actuacións relativas a proxectos, programas ou actividades de promoción e inserción social, a prestación de servizos sociais e, en xeral, as que persigan un interese social na procura da mellora da calidade de vida das persoas.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través da Sede electrónica da Deputación durante 20 días hábiles e deberán ir acompañadas do proxecto descritivo da actividade para a que se solicita a prestación, que incluirá: a denominación ou nome, a xustificación, os obxectivos, as persoas beneficiarias directas e indirectas, a metodoloxía empregada, a temporalización, o ámbito territorial, os recursos, o impacto social estimado etc.