O paso do Camiño Portugués por Pontecesures gaña calidade cunha achega de 28.000 € do Plan Concellos

Esta actuación financiada pola Deputación súmase ás melloras realizadas no Camiño en Pontecesures, a través do DepoRemse e Plan Concellos, valoradas en máis de 300.000 €

07/02/2022

Kickboxing ABP Sport

Os deputados provinciais Santos Héctor e Manuel González, acompañados do alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, visitaron esta mañá a nova área de descanso de persoas peregrinas situada no miradoiro do Pino Manso, executada grazas ás achegas do Plan Concellos. A Deputación dedicou preto de 28.000 € a esta actuación, dun orzamento total de 43.000 €, para mellorar a funcionalidade e a integración paisaxística do miradoiro do Pino Manso, facilitando a súa conversión nun espazo de descanso para as persoas que percorren o Camiño Portugués a Compostela e continuando a grande aposta da institución provincial polo financiamento da mellora dos puntos polo que transcorre o itinerario na vila.

Grazas ás achegas da Deputación, o Concello puido acometer esta actuación nun punto singular do municipio desde onde se pode obter unha panorámica do casco urbano da vila, do río Umia e de concellos próximos como Padrón e Dodro, xa na outra beira do río. No miradoiro, coroado polo piñeiro que lle dá nome, detectáronse diferentes dificultades que impedían o seu aproveitamento como espazo de lecer e descanso e mesmo tamén como miradoiro, como o uso impropio como beirarrúa por parte da cidadanía, as pezas de pavimento irregulares que facían inadecuado e perigoso o tránsito peonil (con especial fincapé nas dificultades creadas á mobilidade para as persoas que precisan cadeira de rodas ou aos carriños infantís), a inadecuada instalación e dimensións do mobiliario, a carencia de elementos necesarios como papeleiras e iluminación, a invasión física das prazas de aparcamento da contorna e tamén a falta de adecuación estética do espazo ás características tradicionais do Camiño.

Tras detectar as necesidades, a actuación –centrada na súa integración do Camiño, intervindo o mínimo necesario no espazo natural– permitiu eliminar parte das prazas de aparcamento, separar o tráfico rodado do espazo natural e gañar espazo peonil grazas á xeración dunha nova plataforma con pavimento de formigón lavado similar á empregada en anteriores intervencións en tramos do Camiño na vila. Tamén se retiraron as pérgolas, unha mesa e un tren de madeira en desuso e instaláronse novos elementos de mobiliario como bancos corridos, dúas novas mesas de granito, unha fonte para persoas e animais de compañía, papeleiras e balizas de iluminación. Tamén se realizaron actuacións de mellora da integración deste espazo do Camiño, como a reordenación e ocultación dos colectores de residuos a través dunha estrutura de madeira ou a execución dunha rampla para mellorar a accesibilidade.

Non é a primeira vez que a Deputación dedica recursos á mellora do paso do Camiño Portugués por Pontecesures. A institución provincial leva investidos arredor de 300.000 euros para financiar a mellora do paso deste itinerario pola vila. Deste xeito, Pontecesures beneficiouse do Plan DepoRemse, no que obtivo preto de 200.000 € para mellorar o tramo urbano do Camiño, concretamente nas rúas do Castro e da Infesta, unha actuación que abrangueu 1,5 km na que se deseñou un ámbito de prioridade peonil en cuxa contorna se sitúan importantes dotacións como o pavillón municipal ou o colexio público. Ademais, a través do Plan Concellos tamén se levaron a cabo outras actuacións para completar a súa gran transformación con obras de sinalización de puntos de paso do Camiño ou da súa mellora paisaxística e de imaxe.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.