Ponteareas recibe unha achega de 70.000 euros do Plan Concellos para as obras de drenaxe na estrada municipal en Ponte Xil

A actuación inclúe a renovación das tubaxes e a renovación do firme neste viario que une Ponte Xil e Forquelos, na parroquia de Guillade

16/01/2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha achega de preto de 70.000 euros (69.021€) para Ponteareas ao abeiro do Plan Concellos, que a destinará a financiar as obras de drenaxe transversal na estrada municipal situada en Ponte Xil, na parroquia de Guillade.

Estes traballos teñen por obxecto a execución dun marco prefabricado de formigón armado para substituír as tubaxes existentes nesta estrada que une Ponte Xil e Forquelos, pola que circula un regato afluente do río Uma. As actuais romperan a causa do desbordamento do regato polas choivas, que amais producira unha focha na estrada.

Unha vez construído ese marco, executarase a renovación do firme da estrada, incluíndo a sinalización horizontal e vertical da zona, e os traballos inclúen tamén a colocación de barreiras bionda para mellorar a seguridade, aumentando a calidade do servizo e a comodidade das persoas usuarias.