Luisa Sánchez pon en valor a reparación acometida no campo de fútbol de Sárdoma e avanza que as obras en Navia e na Pista Vermella estarán rematadas este mes

A Deputación de Pontevedra inviste un total de 1.287.000 euros nestas tres melloras na cidade

05/02/2026

Luisa Sánchez

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, puxo en valor este xoves a reparación do muro de contención e do noiro do campo de fútbol de Sárdoma-Moledo, que veñen de rematar e serán entregadas este venres. Unha mellora altamente demandada polos clubs que utilizan esta instalación deportiva e na que a institución provincial investiu 650.000 euros, o 79% do total. A actuación puido levarse a cabo grazas a un convenio de colaboración co Concello de Vigo, no que a administración municipal achegou 169.681 euros.

A obra consistiu na construción dun muro de contención de 7 metros de altura que bordea toda a lonxitude do campo de fútbol das Relfas. Ademais, procedeuse á demolición e reposición do firme, instalouse un sistema de drenaxe e renovouse o peche perimetral cunha malla metálica. As obras tiñan como obxectivo garantir a seguridade e mellorar as condicións destas instalacións.

A tamén deputada de Deportes salientou a implicación da Deputación de Pontevedra na mellora das dotacións deportivas de Vigo. É igualmente o caso da substitución da cuberta da Pista Vermella do Pavillón das Travesas, que está a piques de concluír. Segundo avanzou, a actuación estará plenamente finalizada este mes de febreiro grazas a un investimento total de 286.212 euros, dos que 225.000 euros (o 79%) parten das arcas provinciais. O Concello, pola súa banda, completa o financiamento con 61.212 euros. Neste caso, múdase o tellado existente, que estaba afectado polo óxido, e se instala unha nova cuberta que conta con dous lucernarios. 

Así mesmo, Luisa Sánchez adiantou que a reconstrución do muro de contención do Parque Nelson Mandela de Navia rematará igualmente en febreiro. Neste ámbito aproveitouse a intervención para crear unha zona axardinada e un sistema de gradas que suporá un novo punto de encontro para a veciñanza do barrio. A bancada está situada na confluencia da Rúa Poza do Cabalo, debaixo do centro de saúde. A obra contribuirá a integrar a parte superior do parque coa vía pública, ademais de dotar a zona dunha área verde e de novas escaleiras que facilitarán o acceso peonil. A Deputación de Pontevedra destina 412.000 euros a esta mellora en Vigo, o 80% do total. Mentres, a administración municipal contribúe con 101.272 euros.

Así, o organismo provincial dedica a estes tres investimentos na cidade un total de 1.287.000 euros. “Son só tres exemplos do noso compromiso con Vigo, onde temos unha longa lista de obras en marcha e outras en diferentes fases de tramitación. Síntome orgullosa de dicir que a Deputación de Pontevedra ten comprometidos 47 millóns de euros en investimentos na cidade desde que eu son vicepresidenta, hai case dous anos”, subliñou.

Ademais das tres xa mencionadas, entre as actuacións máis salientables atópanse a reforma da bancada de Gol no Estadio de Balaídos, a recuperación do Teatro Cine Fraga, a reforma da piscina de Teis, a creación dun parque de xogos en Finca Matías, a construción de beirarrúas na Avenida Clara Campoamor, a instalación dun ascensor na rúa Juan Ramón Jiménez, a renovación da rúa Pintor Colmeiro con ramplas mecánicas ou a humanización da rúa San Roque.