A Deputación avanza nas obras de renovación da iluminación exterior sostible en oito concellos

Xa están rematados os traballos en Arbo, Pazos, O Porriño, Tomiño e Tui e a piques de finalizar os desenvolvidos en Meaño, Meis e Vilanova, cun orzamento total de máis dun millón de euros e que permitirán un aforro enerxético superior ao 50%

18/08/2023

ACTUACIÓNS ILUMINACIÓN EXTERIOR SOSTIBLE

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar conta da ampliación dos prazos de execución das obras de renovación de instalacións de iluminación exterior sostible en oito concellos da provincia, nas que se inviste máis dun millón de euros e que contan cun importante financiamento de fondos europeos. Deste xeito, como explicou o vicepresidente, Rafa Domínguez, a institución provincial obtivo máis de 866.000 € do programa FEDER a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía), o que supón o 80% do orzamento.

Rafa Domínguez destacou a importancia destes proxectos polo seu investimento “e porque permiten afondar no aforro enerxético, algo tan importante nesta sociedade”. Os traballos benefician aos concellos de Arbo, Pazos, O Porriño, Tomiño, Tui, Meaño, Meis e Vilanova, coa substitución de preto de 1.700 puntos de luz por novas luminarias con tecnoloxía LED de última xeración e alta eficiencia, conseguindo un aforro enerxético superior ao 50%.

Coa prórroga aceptada, as obras teñen de prazo ata finais de agosto, e xa están a piques de rematar. De feito, as actuacións están divididas en dous lotes e un deles xa está finalizado, o que se desenvolveu en Arbo, Pazos, O Porriño, Tomiño e Tui, cun orzamento de 740.000 € (592.000 € procedentes de fondos europeos) para substituír 1.460 luminarias de 42 cadros de mando (34 dos cales tamén se reformaron). A potencia pasará de 208 a 87 kW, o que consegue un aforro enerxético do 57,4%.

O segundo proxecto desenvólvese en Meaño, Meis e Vilanova, e prevese que finalice a finais de agosto. O orzamento ascende a 344.000 € (cunha achega europea de 275.000 €) e coas obras estanse a substituír 232 puntos de luz, actuando sobre 15 cadros de mando. A potencia pasará de 164 a 81 kW cun aforro enerxético do 53%.

videos

audios