Amaia Arrazola enche de cor e reivindicación feminina a renovada piscina municipal da Cañiza

O mural, que a artista iniciou hoxe, xurde ao abeiro do programa da Deputación “Mulleres en Acción, Violencia Zero” e reflexa os perfís de tres xeracións de mulleres

22/03/2023

VZ- A Cañiza

A imaxe das mulleres de tres xeracións xa empeza a deixarse ver na fachada principal da rehabilitada piscina municipal da Cañiza. Son as que conforman o mural que a artista catalá Amaia Arrazola está pintando estes días como nova acción artística do programa da Deputación “Mulleres en Acción, Violencia Zero”. A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto ao alcalde, Luis Gómez Piña, mantiveron hoxe un encontro coa artista para coñecer de primeira man o proceso creativo da obra que reflexa unha mirada cara dentro.

No mural, que estará rematado este próximo sábado, Amaia Arrazola presenta os rostros da súa propia filla, de ela e da súa nai, como mostra das tres idades, coas súas problemáticas plasmadas en cada unha das figuras. Desde a inocencia, o xogo, os estímulos visuais da súa filla Ane; ao seu retrato, tratando temas de sexualidade, a perda da liberdade, a maternidade, etc. E, por último, a súa nai, unha imaxe na que fala de madurez, da xuventude perdida e da protección total da familia.

Amaia Arrazola é unha ilustradora, publicista e escritora asentada en Barcelona que ten colaborado e participado en festivais de arte urbana, pintado murais e impartido charlas e conferencias. Tamén ten publicados varios libros para persoas adultas e a cativada, como “Wabi Sabi”, no que conta a súa experiencia cunha bolsa artística en Matsudo (Xapón); “El meteorito”, no que narra o que supuxo a maternidade na súa vida; ou “Simón”, a súa estrea como autora de álbum infantil abordando o tema da identidade para as crianzas.

Co lema é “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas” a Deputación desenvolve este ano o programa en Pontevedra, Vigo, Barro, As Neves, O Grove e Nigrán, onde xa se celebraron as accións, e continuará ao longo do ano nos concellos de Arbo, Gondomar, Mos, Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia. Nos últimos 7 anos e a través do programa impulsáronse máis de 160 accións artísticas. Nesta oitava edición 35 artistas realizarán outras 25 iniciativas colaborativas e reivindicativas a través das modalidades de performance, danza, música, teatro, muralismo, poesía e audiovisual.

Galerias de imagenes