A Deputación aproba e asina as prórrogas dos investimentos en San Roque e Finca Matías para asegurar de xeito definitivo 4,15 millóns de euros para Vigo

Luisa Sánchez anuncia o final do proceso para salvar estes fondos provinciais e propiciar o remate das obras máis alá do 30 de setembro de 2026

24/09/2026

A Deputación aproba e asina as prórrogas dos investimentos en San Roque e Finca Matías para asegurar de xeito definitivo 4,15 millóns de euros para Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de anunciar que a institución provincial pechará este venres o proceso administrativo necesario para garantir a continuidade dos investimentos comprometidos en Vigo para a humanización da rúa San Roque e a creación dun parque de xogos en Finca Matías. A aprobación e sinatura das correspondentes ampliacións de prazo permitirán manter os fondos provinciais destinados a estas actuacións.

Durante unha visita á rúa San Roque, onde a Deputación inviste 1,57 millóns de euros, Luisa Sánchez recordou que o Concello de Vigo non será quen de rematar as obras antes do 30 de setembro de 2026, como estaba contemplado no convenio asinado en 2024. Así, o organismo provincial concedeu unha prórroga dun ano, aínda que o goberno local informou de que espera rematar os traballos en decembro.

No caso de Finca Matías, onde a Deputación inviste 2,58 millóns, a actuación prolongarase ata febreiro de 2027 segundo os cálculos da administración municipal, polo que foi preciso executar tamén unha prórroga dun ano, ata setembro de 2027.

“Pechamos o proceso e a Deputación cumpre coa súa parte para garantir que os investimentos comprometidos para Vigo poidan executarse. En total, 4,15 millóns de euros”, informou Luisa Sánchez.

A responsable provincial lembrou tamén que, desde a súa chegada á Deputación, se recuperaron outros 6,2 millóns de euros correspondentes a investimentos en Vigo que estaban en risco de perderse. Deste xeito, o volume de fondos provinciais que se conseguiu manter para actuacións na cidade ascende a 10,35 millóns.

Cinco millóns de euros pendentes de mobilizar

Luisa Sánchez referiuse tamén á situación dos fondos reservados para Vigo no orzamento provincial de 2026. A Deputación ten comprometidos 5 millóns de euros para novas actuacións na cidade, dos que 1,2 millóns permanecen aínda pendentes de asignar a investimentos concretos.

Os 3,8 millóns restantes irían destinados ás humanizacións das rúas Rosalía de Castro e Doutor Carracido, pero o Concello de Vigo aínda non aprobou os correspondentes convenios malia telos no seu poder desde xuño e agosto, respectivamente.

A este respecto, a vicepresidenta defendeu a necesidade de manter unha relación de colaboración entre as dúas administracións. “A Deputación quere investir en Vigo e quere facelo con normalidade institucional, transparencia e lealdade”, afirmou.

Galerias de imagenes

audios