A Deputación recomenda manter un alto nivel de vixilancia ante os síntomas de mildio nas viñas

Aínda que os prognósticos das axencias meteorolóxicas non son favorables ao desenvolvemento do patóxeno, a Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella manter o nivel de vixilancia para actuar a tempo en caso de que se detecte a primeira mancha

12/04/2024

Aviso fitosanitario 12-04-2024

Aínda que desde a Estación Fitopatolóxica Areeiro non se observaron esta semana síntomas de mildio nas viñas e que os prognósticos das diferentes axencias meteorolóxicas para os vindeiros días non son favorables para o desenvolvemento do patóxeno, o centro dependente da Deputación aconsella manter o nivel de vixilancia para actuar a tempo en caso de que se detecte a primeira mancha. Tamén recomenda considerar renovar a protección naquelas viñas que xa recibisen unha aplicación, debido ás choivas producidas.

Nestes momentos, en Areeiro recibiuse información da aparición dunha mancha esporulada no Salnés, concretamente no concello de Vilanova de Arousa, na zona de Baión, e doutra sen esporular en Arbo. A detección só destas dúas manchas pode explicarse polo escaso desenvolvemento das viñas e polas temperaturas nocturnas frescas.

Bolboreta do buxo e enfermidades nos cítricos

O centro dependente da Deputación de Pontevedra tamén recomenda manter un nivel alto de vixilancia da bolboreta do buxo, xa que a suba de temperaturas favorece a actividade das eirugas. Deste xeito, tanto en sebes tratadas coma nas que non o están, hai que realizar revisións periódicas para valorar se cómpre renovar o tratamento xa realizado ou acometer a primeira intervención.

Ademais, debido á climatoloxía húmida, os froitos de moitas especies cítricas están a murchar na árbore e é probable que caian prematuramente. Por iso, é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados (tamén os que se atopan na árbore) para reducir a incidencia de enfermidades nos cítricos.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.