A Deputación destina 460.000 euros a promover a igualdade e a loitar contra a violencia de xénero na provincia, un 12 % máis que o pasado ano

Destes recursos, 260.000 euros irán dirixidos a concellos e 200.000 euros, a entidades sen ánimo de lucro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación das bases das axudas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra

02/02/2024

Rolda de prensa de Luis López

 

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar na Xunta de Goberno as bases das axudas destinadas a concellos e entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Estas dúas liñas, tal e como explicou o presidente, Luis López, ascenden a 460.000 euros, un 12 % máis que o pasado ano, dos cales 260.000 euros irán dirixidos a concellos e os 200.000 euros restantes, a entidades sen fins de lucro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación das bases das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O presidente detallou que as axudas para concellos destínanse aos municipios de menos de 20.000 habitantes, “para que poidan promover actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Neste caso, a contía máxima por concello será de 6.000 euros e, entre outras cuestións, permitiralles aos gobernos locais impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; proxectos para mellorar a atención integral ás vítimas de violencia de xénero, ás súas fillas e fillos e  ás persoas dependentes ao seu cargo; actividades para mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; e campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade. Así mesmo, servirán para elaborar plans de igualdade, proxectos e iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais contra a violencia de xénero,  crear redes de apoio para fomentar a corresponsabilidade e para contratar persoal empregado público especialista en materia de igualdade.

No caso das entidades sen fins de lucro, Luis López explicou que as axudas ascenden a 200.000 euros, 50.000 máis que en2023, e que cada solicitante poderá recibir ata 7.000 euros, 1.000 euros máis que o pasado ano. Con estes recursos, as entidades poderán impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; de atención integral de vítimas de violencia machista, as súas fillas e fillos e persoas dependentes ao seu cargo; programas destinados a mulleres vulnerables; proxectos e actividades para fomentar a igualdade; proxectos encamiñados a mellorar a formación, o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; accións dirixidas a crear redes e servizos que favorezan a conciliación; e campañas de difusión en materia de igualdade.

videos

audios