A Deputación publica as bases das axudas para os clubs deportivos que participen en competicións de ámbito inferior ao estatal, dotadas con 650.000 €
Os clubs terán un prazo de 20 días hábiles desde o vindeiro luns 21 de abril para presentar as súas solicitudes
16/04/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial das Provincia as bases das axudas para clubs deportivos que participan en competicións oficiais de ámbito inferior ao estatal. Unha liña de achegas que conta cun orzamento de 650.000 euros, que serán repartido sn réxime de concorrencia competitiva, e que poderán solicitarse a partir do vindeiro luns, 21 de abril, e durnate un prazo de 20 días hábiles.
Estes 650.000 euros, que o pasado ano beneficiaron a 519 clubs de 58 concellos da provincia, distribuiranse en dúas liñas diferentes. A primeira, cun orzamento de 600.000 euros, está destinada aos clubs de competicións de ámbito inferior a estatal, que poden solicitar un máximo de 3.000 € cada un, e a segunda, á que a Deputación destina 50.000 euros, está centrada naqueles clubs que participen na competición de fútbol Preferente Galicia, que recibirán ata 5.000 euros.
En ambos casos, o importe máximo non pode superar o 80% do orzamento presentado e, entre os gastos subvencionables atópanse os gastos federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo e os sanitarios. As bases da convocatoria, nas que se recollen ao detalle todos os requisitos e os gastos subvencionables, poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).