Luis López anuncia a concesión de axudas valoradas en 525.000 € para o deporte de elite e para financiar materiais e servizos para campionatos deportivos
“Estamos a investir recursos como nunca antes se fixera, porque Pontevedra é a provincia do deporte e queremos seguir avanzando nesta materia”, subliñou o presidente provincial
03/10/2025
Luis López acaba de anunciar a concesión de axudas valoradas en 525.000 € para o deporte de elite e para financiar materiais e servizos para campionatos deportivos. Ao detalle, a Xunta de Goberno aprobou destinar 405.000 euros para o deporte de alto nivel e 120.000 € para que as entidades deportivas da provincia poidan adquirir materiais e servizos para eventos. "Estamos a investir recursos como nunca antes se fixera porque Pontevedra é a provincia do deporte e queremos seguir avanzando nesta materia", subliñou o presidente provincial.
No que respecta ao deporte de alto nivel, o organismo aprobou conceder 405.000 euros para 436 deportistas de elite. "Trátase –asegurou o presidente da Deputación- da cifra máis alta desde que a Deputación puxo en marcha estas axudas, tanto no que respecta aos recursos como ao número de beneficiarios: 5.000 € máis e 23 deportistas máis". En concreto, son 261deportistas de alto nivel (DepoDAN), 15 deportistas de alto nivel con discapacidade (DepoDAN+) e 161 deportistas de alto nivel de base (DepoTalento), que se van beneficiar de contías que oscilan entre os preto de 500 e os 3.000 € para financiar a súa participación en competicións.
"O noso obxectivo é que todos os deportistas de elite da provincia poidan cumprir os seus soños. Aquí, nesta provincia, hai talento dabondo e queremos que todos alcancen as metas que se propoñan", recordou López quen detallou que entre os beneficiarios das axudas atópanse persoas como Pablo Graña, Antía e Daniel Chamosa, Antía Jácome ou Desi Vila.
Nova liña de axudas para adquirir materiais e servizos
Pola súa banda, tamén se deu conta do esgotamento do crédito de 120.000 € dirixido ás axudas lanzadas por vez primeira na historia da Deputación para que as entidades deportivas poidan adquirir materiais e servizos para eventos deportivas. Beneficiaranse destes recursos 146 entidades, con ata un máximo de 1.000 € para adquirir bens como medallas, trofeos, camisetas ou material promocional ou para contratar servizos necesarios para a súa organización.
"Teño que dicirvos que novamente esta era unha grandísima necesidade. Recibimos 256 solicitudes, 25 non se axustaban ás bases pero 85 quedaron fóra desta primeira convocatoria por esgotarse o crédito dispoñible", subliñou o presidente Luis López quen engadiu que "xa estamos traballando nunha segunda convocatoria para atender a elevada demanda e garantir que todos os clubs poidan satisfacer as súas necesidades".
