A Deputación mantén aberto ata o próximo xoves o prazo para que os clubs deportivos que participan en competicións oficiais de ámbito estatal soliciten axudas provinciais
A liña de axudas, dotada con 900.000 euros, manterase aberta ata o 15 de maio e os clubs poderán beneficiarse de contías que oscilan entre os 10.000 os 35.000 euros
08/05/2025
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o próximo xoves, 15 de maio, o prazo de solicitude das axudas aos clubs deportivos da provincia que participan nesta temporada con algún equipo ou deportista en competicións oficiais de ámbito estatal. A liña de axudas conta cun crédito de 900.000 euros que será repartido en réxime de concorrencia competitiva e con estes recursos as entidades poderán afrontar gastos derivados da súa participación nestas competicións, tales como os federativos, os da propia competición e adestramento, os de persoal, de material deportivo ou sanitarios. Na pasada convocatoria beneficiáronse destas axudas 80 clubs de 25 concellos da provincia.
Os clubs poderán recibir achegas entre os 10.000 e os 35.000 euros, sempre que non se supere o 40% do orzamento presentado. Os recursos distribuiranse segundo a modalidade e a competición oficial, clasificadas en tres niveis, e que en todo caso deberán estar incluídas nos calendarios oficiais aprobados polas federacións para a temporada 2024/2025, no caso de ser partida, ou 2025.
No nivel 1, con tres subcategorías (1-A, 1-B e 1-C), englóbanse modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en forma de ligas por equipos (con 5 o máis deportistas na competición), con xornadas de ida e volta e con ascensos e descensos de nivel segundo o regulamento de competición. Ademais, para os clubs que conten cun segundo equipo de categoría estatal incrementarase o límite establecido en 5.000 €.
No nivel 1-A sitúanse a LEB Oro e Liga Feminina Challenge (baloncesto), a 2ª RFEF Feminina (fútbol), a 2ª división nacional masculina (fútbol sala), a OK Liga feminina e masculina (hóckey sobre patines) e a Superliga feminina e masculina (voleibol), que recibirán un máximo de 35.000 €. No nivel 1-B atópanse a LEB Prata e Liga Feminina 2 (baloncesto), a División de prata masculina e División de honra ouro feminino (balonmán), a 3ª RFEF masculina e feminina (fútbol); a 2ª división nacional B masculina e 2ª división nacional feminina (fútbol sala), a OK Liga prata feminina e masculina (hóckey sobre patíns), a Spanish Baseball League (béisbol), a Spanish Softball League (sóftbol), a División de honra feminina e masculina (rugby), a Superliga 2 feminina e masculina (voleibol) e a División de honra feminina e masculina (wáter-polo). Todas elas recibirán un máximo de 25.000 €.
Finalmente, no nivel 1-C (cunha subvención máxima de 15.000 €) clasifícanse os clubs cun equipo na terceira FEB e 1ª nacional feminina (baloncesto), a 1ª división masculina e División de honra prata feminina (balonmán), a Liga nacional de béisbol 1ª división (béisbol), a División de honra xuvenil (fútbol) a 3ª división nacional masculina/División de honra xuvenil (fútbol sala), a OK Liga bronce feminina e masculina (hóckey sobre patíns), a Liga nacional de sóftbol masculino 1ª división (sóftbol), a División de honra B feminina e masculina (rugby), a 1ª división feminina e masculina (voleibol) e a 1ª división nacional masculina e feminina (wáter-polo).
No nivel 2, con dúas subcategorías (2-A e 2-B) inclúense as modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en formato liga por equipos, con 4 deportistas ou menos no espazo de competición, e con ascensos e descensos de nivel segundo o regulamento de competición. Neste caso, no nivel 2-A reciben un máximo de 15.000 euros a liga de clubs de Primeira división feminina e masculina (atletismo), a Primeira ouro/Primeira prata (bádminton), a División de honra (billar), División de honra feminina e masculina (bowling), División de ouro -espada, sable ou florete- (esgrima), o Campionato de España de tenis absoluto por equipos 1ª categoría (tenis), a División de honra feminina e masculina (tenis de mesa) e 1ª división da Liga Iberdrola GR e 2ª división da Liga Iberdrola GR (ximnasia).
Ademais, no nivel 2-B poderán conseguir ata 10.000 euros os clubs que participen na Primeira bronce (bádminton), 1ª división (billar), 1ª división masculina (bowling), División de prata –espada, sable ou florete- (esgrima), 1ª división de orientación a pé (orientación), Campionato de España de tenis absoluto por equipos 2ª/3ª categoría (tenis), 1ª división feminina e masculina (tenis de mesa), Liga nacional de voleibol praia (voleibol praia) e 3ª división da Liga Iberdrola GR (ximnasia).
No nivel 3, con dúas subcategorías (3-A e 3-B), englóbanse as modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en formato de ranking ou clasificación individual ou por equipos, e que estean incluídas nun calendario oficial da temporada da que resulte a clasificación final. Neste caso, os clubs de ciclismo que participen na Copa de España en ruta elite/sub-23 recibirán unha achega máxima de 15.000 euros (3-A), e os que o fagan en elite/sub-23 na modalidade de estrada, BTT, XCO ou XCM ou ciclocrós, ata 10.000 € (3-B). Nesta última modalidade englóbanse tamén o resto de clubs que acrediten a súa participación con 3 deportistas en categoría absoluta nun mínimo de 5 competicións de ámbito estatal ou internacional fóra de Galicia incluídas no calendario oficial da súa federación.