Luisa Sánchez celebra a “gran resposta” do público e o “impecable” desenvolvemento do Galicia Fest antes da dobre cita con Leiva

A vicepresidenta da Deputación salienta que o 30% das persoas que mercaron unha entrada procedían de fóra da provincia de Pontevedra

02/07/2026

Luisa Sánchez celebra a “gran resposta” do público e o “impecable” desenvolvemento do Galicia Fest antes da dobre cita con Leiva

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, fixo este mércores un balance “moi satisfactorio” da segunda edición do Galicia Fest, que reuniu arredor de 6.500 persoas cada un dos dous días de concertos celebrados no Peirao de Transatlánticos de Vigo.

A representante provincial na cidade olívica puxo en valor tanto a elevada participación como a experiencia vivida polo público. “O importante non é só a cantidade, senón a calidade”, afirmou a vicepresidenta, quen incidiu en que o mellor indicador do éxito do festival foi “a gran resposta e o retorno do público”, que trasladou a organización e institucións numerosas valoracións positivas polo desenvolvemento do evento.

A vicepresidenta felicitou expresamente á promotora responsable do Galicia Fest polo seu traballo e destacou que o certame se desenvolveu “de xeito impecable”. Así, consolídase un modelo de festival que combina unha programación “de primeiro nivel” cun espazo privilexiado no centro da cidade.

Igualmente, evidenciou a capacidade do Galicia Fest para xerar atracción máis alá de Vigo. Así o demostra o feito de que o 30% das entradas se venderon fóra da provincia de Pontevedra, un dato que pon de manifesto o interese que esperta esta cita musical entre o público chegado doutros puntos de Galicia, do resto de España e de Portugal. Concretamente, o 20,8% das ventas se rexistraron nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense, o 5% procederon do país veciño, o 2,3% de Madrid e o resto -ata ese 30%- doutras localidades da xeografía nacional.

Emprazamento privilexiado

Durante a súa intervención, Luisa Sánchez reivindicou o valor estratéxico dun festival que permite gozar da música en directo nun enclave único, fronte ao mar e no corazón de Vigo. “Temos un gran evento musical sen necesidade de coller o coche e cunhas vistas privilexiadas. É un luxo”, destacou a vicepresidenta, quen tamén explicou que os propios artistas trasladaron a súa satisfacción por actuar nun escenario singular como o habilitado no porto de Vigo.

Nesta liña, resaltou o ambiente vivido na contorna do recinto, con centos de persoas seguindo os concertos desde distintos puntos e mesmo desde un cruceiro atracado no porto de Vigo. Ao respecto, agradeceu tamén o traballo realizado polo persoal da Autoridade Portuaria para coordinar todo o dispositivo.

Finalmente, a responsable provincial tamén subliñou o carácter accesible do Galicia Fest, ao lembrar que os abonos permitían asistir a quince concertos por 45 euros.

Unha vez finalizado o Galicia Fest, a actividade continúa esta semana no Peirao de Transatlánticos cos dous concertos que Leiva ofrecerá en Vigo, aproveitando boa parte da infraestrutura instalada para o festival. A vicepresidenta mostrouse convencida de que ambas actuacións volverán converter a cidade nun referente musical.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 14 resultados.