Carmela Silva e Antonio Couce suman sinerxías en Vigo

17/03/2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado provincial Santos Héctor recibiron na sede viguesa da Deputación a Antonio Couce Calvo, novo Comandante Naval de Vigo quen recentemente tomou posesión do seu posto. Carmela Silva tendeu a súa man a Couce e aseguroulle que “na Deputación tes unha administración amiga coa que poder colaborar” e é que a suma de sinerxías foi un dos puntos clave deste encontro. Neste senso, a presidenta provincial espera que estas reunións “sexan habituais e poidamos seguir construíndo país, que é o que temos que facer as administracións públicas no seu conxunto”. Carmela Silva tamén destacou a traxectoria e calidades de Antonio Couce, “un home moi formado e culto co que é unha maravalla reflexionar”, así como da provincia que ten “un montón de potencialidades para seguir medrando e penso que vós -referíndose ás persoas que integran a Comandancia Naval- tendes un papel importante nese crecemento”.

Antonio Couce amosouse disposto “a colaborar en todo o que faga falta, principalmente no que teña que ver coas administracións do entorno marítimo” e orgulloso de estar na cidade de Vigo, un claro exemplo de que o mar “segue sendo motor de vida, foino ao longo da historia e, se o coidamos, seguirá séndoo”. O comandante naval tamén fixo un repaso pola súa traxectoria profesional da que destacou “múltiples vantaxes como coñecer lugares diferentes, sociedades e modos de vida, e desenvolver distintos labores”. “Iso dáme un pouco de tranquilidade espiritual para afrontar o devir”, recalcou.