O Galicia Fest completa o cartel da súa segunda edición coa incorporación de Lori Meyers, Coti e Vera Fauna
Luisa Sánchez anuncia a inclusión do DJ e produtor José de Rico como “guinda” ao elenco de 15 actuacións que encherá o Peirao de Transatlánticos de Vigo os días 26 e 27 de xuño
31/03/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou este martes que o Galicia Fest xa ten completo o cartel da súa segunda edición coa incorporación de Lori Meyers, Coti e Vera Fauna. Ademais, como “sorpresa final”, avanzou a inclusión do DJ José de Rico para formar así un repertorio musical formado por quince propostas diferentes.
Luisa Sánchez informou destas novidades desde o propio Peirao de Transatlánticos nunha comparecencia pública na que estivo acompañada do director xeral de Turismo, Xosé Merelles; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; e o director do Galicia Fest, Antonio Casal.
Tal e como destacou a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Lori Meyers é unha das bandas máis recoñecidas do indie pop estatal, que regresa a Vigo tras oito anos sen actuar en grandes formatos na cidade, cun repertorio cheo de éxitos amplamente coreados polo público.
Pola súa banda, Coti achegará ao Galicia Fest algúns dos seus temas máis coñecidos, convertidos xa en auténticos himnos xeracionais. O artista suramericano, que chegará a Vigo tras completar unha xira por arxentina, conta ademais cunha ampla traxectoria como colaborador doutros músicos internacionais e cunha sólida base de seguidores.
No apartado de novas propostas, destaca a presenza de Vera Fauna, unha banda da escena alternativa española que está a consolidar o seu espazo na industria musical. O seu álbum ‘Dime dónde estamos’ foi recoñecido cunha nominación aos Premios MIN, o que confirma a súa proxección.
Como “guinda” aos anuncios realizados durante as últimas semanas, o festival engade ao coñecido DJ e produtor José de Rico, que suma 220.000 seguidores nas redes sociais e acumula un millón de oíntes mensuais en Spotify. Deste xeito, o festival achegará unha proposta musical complementaria para ampliar a experiencia do público asistente.
“Todo isto nun entorno privilexiado: o porto de Vigo, con vistas á ría, na primeira fin de semana do verán. Creo que non é preciso engadir nada máis”, concluíu Luisa Sánchez, quen animou a toda a cidade a asistir a un festival que aspira a consolidarse como unha das grandes citas musicais do período estival, combinando calidade artística, diversidade e un escenario único.
Cartel por días
Deste xeito, o Galicia Fest deixa servido o seu cartel e o reparto por días. O venres 26 de xuño actuarán La Reina del Flow, Coti, Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela e José de Rico. O sábado 27 de xuño será a quenda de Álvaro de Luna, Juan Magán, Lori Meyers, Taburete, Carla Lourdes, Fredi Leis, Marlena e Vera Fauna.
A oferta musical deste ano inclúe unha ampla representación de músicos vigueses e galegos, tal e como Luisa Sánchez comprometera tras a celebración da primeira edición.
Segundo informou a promotora que organiza o festival, a venda de entradas avanza a bo ritmo con preto da metade do aforo comercializado.
