A longametraxe “Welcome to ma maison” proxectarase en cinco concellos da provincia da man do Ciclo Mestre Mateo

As sesións promovidas pola Deputación e a Academia do Audivisual chegan desde esta fin de semana a Poio, Cambados, Ponteareas, Forcarei e Redondela

17/06/2022

Welcome to ma  maison

O Ciclo Mestre Mateo, que promoven conxuntamente a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, celebrará desde esta fin de semana, os días 18, 19, 25 e 26 de xuño, a súa cuarta sesión coa proxección nos concellos de Poio, Cambados, Ponteareas, Forcarei e Redondela da película “Welcome to ma maison”, finalista nas categorías a mellor documental e mellor montaxe nos XX premios Mestre Mateo. O ciclo, que busca dotar ós concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, exhibirá ao longo do ano o resto das películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022, polo que amais de “Welcome to ma maison” proxectaranse outras longametraxes coma “Tres”, a premiada, e as finalistas “Cuñados”, “Jacinto” e “Malencolía”.

A proxección do filme “Welcome to ma maison” terá lugar este sábado 18 de xuño ás 20 h no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Poio; o domingo día 19 as 20:30 h no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados. O día 25 poderase ver esta filme no Auditorio de Soutelo de Forcarei e na Sala Multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas. Por último o domingo 26 ás 19:30 h proxectarase no Multiusos da Xunqueira de Redondela.

“Welcome to ma maison” conta a historia de Igor, actor que, tras un colapso emocional, decide afastarse da interpretación e centrarse na investigación cinematográfica. Igor comeza a escribir un libro sobre a linguaxe non verbal das mans na filmografía do director danés Nicolas Winding Refn, entón inicia unha viaxe a Los Ángeles para coñecelo e, ó non atopar o seu rumbo, camiña cara o interior do seu protagonista percorrendo a difusa liña entre o actor, a persoa e o personaxe. Un documental experimental construído con imaxes reais, sentimentos sinceros e problemas verdadeiros. Un falso documental, rodado a modo de making of, onde todo o que se mostra é 100% real. Unha produción de Suso López, Andrés Goteira, Laura Doval, Adrián Folgueira e Alberto Díaz en colaboración con Gaitafilmes e Mordisco Films.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 13 resultados.