O segundo Ciclo Mestre Mateo chega este luns a Baiona coa proxección do filme “Live is life”

A proxección terá lugar no Multiusos de Sabarís ás 21 horas e o concello acollerá xa no mes de xullo os pases dos documentais “A foreign song” e “Onde máis doe”

18/06/2023

O Multiusos de Sabarís, no Concello de Baiona, acollerá este luns 19 de xuño unha nova proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 21.00 horas, exhibirase o filme Live is life, do realizador Dani de la Torre e finalista nos Mestre Mateo nas modalidades de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario.

O filme, do 2022, conta con guión orixinal de Albert Espinosa e está protagonizado por Juan Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Silvia Bel e Luisa Merelas entre outros actores e actrices. A acción transcorre no verán de 1985, no que, como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volta á aldea galega da súa familia para reencontrarse coa súa panda. Pero este ano é distinto. Os problemas do mundo real comezan aparecer nas súas vidas ameazando con separalos. Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.

Despois desta sesión, Baiona acollerá o vindeiro mes de xullo o pase dos documentais A foreign song (César Souto, 2022), gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, que se exhibirá o día 3 ás 21.00 horas no mesmo Multiusos, e Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreado no Ourense Film Festival, e que se proxectará o día 17, tamén no mesmo espazo e á mesma hora.

Amais de Baiona, os outros concellos nos que recalará nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de A Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  O resto de títulos do programa son, amais dos citados Live is life, A foreign song e Onde máis doe, o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.