O segundo Ciclo Mestre Mateo chega este luns a Baiona coa proxección do filme “A foreign song”

A proxección deste documental que aborda a figura do poeta estadounidense Wallace Stevens terá lugar no Multiusos de Sabarís ás 21 horas

02/07/2023

O Multiusos de Sabarís, no Concello de Baiona, acollerá este luns 3 de xullo unha nova proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 21.00 horas, exhibirase o filme A foreign song (2022), do realizador César Souto, finalista nos Premios Mestre Mateo nas categorías de Mellor documental, Mellor dirección de fotografía e Mellor dirección de produción.

Este documental, galardoado amais cos premios ao Mellor Longametraxe e Mellor Dirección Española no Festival de Xixón 2022, aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, cuxa rutineira vida escondía ao autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Todos os días erguíase ás 6 e acostábase ás 9. Nos seus días tranquilos non hai peripecias reseñables, nin grandes dramas. Cando se lle pediu unha reseña biográfica para presentar a súa obra, o poeta negouse a escribila. Cría profundamente que a poesía non é persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun outro.

Despois desta sesión, Baiona acollerá o vindeiro 17 de xullo o pase do documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), tamén no mesmo espazo e á mesma hora. O filme retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos á súa ex parella, asasinou a golpes de pala ao seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar á nai.

Amais de Baiona, os outros concellos nos que recala nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de A Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  O resto de títulos do programa son, amais dos citados Onde máis doe e A foreign song, o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, o filme Live is life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 19 resultados.