A Guarda acolle este xoves 29 unha nova proxección do Ciclo Mestre Mateo co filme “Live is life”

O pase do filme de Dani de la Torre terá lugar no Centro Cultural ás 20.30 horas

28/06/2023

O Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia e que neste 2023 está a celebrar a súa segunda edición, chega este xoves 29 de xuño ao Concello da Guarda. Deste xeito, o salón de actos do Centro Cultural acollerá ás 20.30 horas o pase do filme Live is life, do realizador Dani de la Torre, finalista nos Mestre Mateo nas modalidades de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario.

O filme, do 2022, conta con guión orixinal de Albert Espinosa e está protagonizado por Juan Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Silvia Bel e Luisa Merelas entre outros actores e actrices. A acción transcorre no verán de 1985, no que, como cada ano, o protagonista, Rodri, deixa Cataluña e regresa á aldea galega da súa familia para reencontrarse coa súa panda. Este ano é distinto e os problemas do mundo real comezan aparecer nas súas vidas ameazando con separalos. Aferrándose á amizade que os une, os cinco amigos planean escapar a noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer os desexos realidade.

Amais da Guarda, os outros concellos nos que recalará nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de Baiona, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  O resto de títulos do programa son, amais do citado Live is life, o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga; o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF - Ourense Film Festival.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.