Luis López reafirma a posición da Deputación como “a casa do deporte” por acoller clubs como o Rías Baixas e aprobar plans de apoio para todo o tecido deportivo da provincia

O presidente provincial, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez, destaca o compromiso co deporte a través de apoio a deportistas e clubs, o impulso ás instalacións municipais e de entidades deportivas e a aposta polo turismo deportivo

03/02/2026

Concentración de pretempada do Club Ciclista Rías Baixas en Príncipe Felipe

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta e deputada de deportes, Luisa Sánchez, achegáronse este martes á concentración que o Club Ciclista Rías Baixas está levando a cabo nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe, de titularidade do organismo provincial, para coñecer de primeira man os preparativos da nova tempada dun dos máis emblemáticos clubs ciclistas da provincia. "Esta é a provincia do deporte, a Deputación é a casa do deporte e Príncipe Felipe é a vosa casa", afirmou o dirixente para darlle a benvida aos deportistas a unha instalación que é de titularidade do organismo provincial e que será obxecto dunha profunda remodelación por valor de máis de 5 millóns de euros para seguir estando a disposición do deporte provincial, puntualizou López

"Este é un club de elite, así o recoñecemos desde Deputación. Un club que serve de trampolín para moitos ciclistas e que aposta pola expansión do deporte na provincia, que é o noso principal obxectivo", declarou Luisa Sánchez para darlle a benvida a toda a familia do Club Rías Baixas.

O mandatario provincial, entusiasta do deporte da bicicleta, conversou cos integrantes do equipo que leva o nome das Rías Baixas polas estradas de todo o país e destacou o traballo da entidade por fomentar os valores do deporte e a práctica deportiva entre a mocidade. "É un orgullo que esteades aquí, aínda non comezou a tempada pero para nós xa sodes gañadores polos valores que transmitides, como o esforzo e a constancia diante de circunstancias adversas; e a vocación de formación de deportistas pero principalmente de persoas", afirmou o presidente.

Finalmente, Luis López afirmou que o apoio ao deporte é un dos piares do goberno da Deputación. "Estamos apostando polo deporte como nunca", subliñou Luis López antes de lembrar iniciativas postas en marcha polo goberno provincial como o apoio aos deportistas profesionais, de elite e de base con máis becas e con iniciativas que facilitan a participación en competicións como o +Talento Motor; a colaboración cos clubs como o Rías Baixas con, por exemplo, liñas específicas de subvencións para adquirir vehículos, a creación de O Noso Club, ou as axudas aos clubs para mellorar as súas instalacións; os 20 millóns de euros mobilizados nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes para a mellora das instalacións municipais e a aposta polo turismo deportivo a través da campaña 'Rías Baixas: a túa meta o teu destino'.

Galerias de imagenes