A Deputación de Pontevedra investirá máis dun millón de euros para avanzar na iluminación sostible en dez concellos

A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, Fornelos de Montes, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, Silleda e Tomiño beneficiaranse dun aforro enerxético do 40 % neste proxecto, financiado con fondos europeos

25/08/2023

CONCESION IDAE ILUMINACIÓN EXTERIOR SOSTIBLE

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar conta da concesión de máis dun millón de euros procedentes de fondos europeos para financiar a renovación das instalacións de iluminación exterior sostible en dez concellos da provincia, que contan cun orzamento total de preto de 1,2 millóns de euros. Deste xeito, como explicou o vicepresidente, Rafa Domínguez, a institución provincial obtivo estes fondos europeos do Programa DUS 5000 a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, o que supón o 85 % do orzamento.

Rafa Domínguez destacou a importancia destes proxectos polo seu investimento “e porque permiten afondar no aforro enerxético, algo tan importante nesta sociedade”. Beneficiaranse os concellos da Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, Fornelos de Montes, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, Silleda e Tomiño, nos que se substituirán máis de 1.600 puntos de luz por novas luminarias con tecnoloxía led de última xeración e alta eficiencia para conseguir un aforro enerxético de arredor do 40 %.

O vicepresidente provincial sinalou que grazas a este proxecto da Deputación de Pontevedra se conseguirá “un importantísimo aforro enerxético que reducirá as emisións e tamén lles aforrará moitos cartos aos concellos”.

Ademais, en sete destes concellos (Cerdedo-Cotobade, Dozón, Fornelos de Montes, Pontecesures, Ribadumia, Silleda e Tomiño) reformaranse 41 cadros de mando para adaptalos á normativa actual. A Deputación instalará neles un sistema de telexestión que permitirá obter e xestionar información detallada sobre consumos, mantemento e fluxos luminosos.