A Deputación destina 50.000 euros a reparar o muro de contención derrubado na estrada entre A Cañiza e Mourentán

A institución provincial inicia o procedemento de contratación por urxencia da reparación dos danos ocasionados nas últimas semanas por mor da sucesión de temporais

18/11/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar o procedemento de contratación urxente da reparación do muro de contención da EP-5002 A Cañiza-Mourentán que se viu afectado polos temporais sucedidos durante as últimas semanas na provincia. A institución provincial destinará un investimento de 50.000 euros para darlle solución ao derrubamento do noiro da plataforma.

A Deputación acometerá esta actuación á altura do p. q. 6+000 da vía, onde foi preciso restrinxir a circulación rodada nun dos seus carrís. Os danos ocasionados polo temporal, debido ás choivas torrenciais que provocaron arrastres, supoñen un grave risco de colapso da estrutura e de derrubamento da calzada. Con estes traballos, que teñen unha duración estimada de dous meses, construirase un muro de sostemento e reporase o carril de circulación afectado.