A Deputación de Pontevedra avanza na instalación de cunetas de seguridade na rede provincial de estradas

A Xunta de Goberno aprobou unha ampliación do prazo ata finais de ano para  executar estes traballos, que neste 2023 supoñen un investimento de 1,9 millóns de euros

25/08/2023

CUNETAS SEGURIDADE

A Deputación de Pontevedra segue a avanzar nas obras de instalación de cunetas de seguridade na rede provincial de estradas. Como informou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, a Xunta de Goberno acordou hoxe a ampliar o prazo de execución destes traballos, nos que se invisten 1,9 millóns de euros en 2023. As obras derívanse, como destacou Domínguez, do acordo marco que aprobou a Deputación “para dotar as vías provinciais destes elementos de seguridade naqueles puntos nos que, polas súas circunstancias ou características, resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas”. O resultado “ofrécelles igualmente ás e aos peóns seguridade e un itinerario cómodo”, engadiu.

A través deste acordo marco dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur), e este ano estase a actuar nun total de 77 estradas en 54 concellos. O prazo para rematar as obras finalizaba en setembro, pero, tras o acordo da Xunta de Goberno, amplíase tres meses máis.

Na zona norte, o investimento é de 665.000 euros e estase a actuar en 20 estradas, que transcorren por Forcarei, Silleda, Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Caldas, Cuntis, Valga e Catoira.

No que se refire á zona centro, o investimento en 2023 é de 740.000 euros e estanse a instalar cunetas en 38 estradas, que pasan por Barro, Portas, Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Redondela, Caldas, Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Finalmente, na zona sur, o orzamento é de 600.000 euros e estase a intervir en 19 estradas provinciais, que discorren por Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, Ponteareas, As Neves, Mondariz, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente.

videos

audios