A Deputación acolle na Aula CeMIT en maio un obradoiro formativo para mellorar as competencias dixitais

Xa está aberto o prazo de inscrición para asistir a esta actividade que se centrará no manexo das redes sociais

18/04/2026

A Deputación de Pontevedra acolle durante o mes de maio na Aula CeMIT un obradoiro presencial destinado a facilitar o uso das novas tecnoloxías no día a día e mellorar a seguridade dixital das persoas participantes. O obradoiro, baixo o título “Aprende a manexar as túas redes sociais”, celebrarase do 25 ao 28 de maio en horario de 10:00 a 13:00.

A acción formativa, de 12 horas de duración, achegará as pautas para empregar redes sociais como Facebook, Instagram, TikTok e X. Ademais afondará nas funcionalidades de WhatsApp e Telegram de forma práctica, así como en cuestións relacionadas coas súas configuracións e coas ferramentas clave para promover unha comunicación dixital máis eficiente e conectada. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse na web do CeMIT.

“Aprende a manexar as túas redes sociais” é totalmente gratuíto e desenvolverase na Aula CeMIT situada no Edificio Administrativo da Deputación na cidade de Pontevedra. A acción forma parte do programa YoConecto promovido pola Fundación Cibervoluntarios, con 20 prazas dispoñibles. Ao seu remate, as persoas participantes recibirán un certificado oficial.