A Deputación de Pontevedra pecha os castelos de Soutomaior e Sobroso polo temporal

Para hoxe estaba prevista unha visita a Soutomaior de 35 alumnos do IES de Rodeira de Cangas, que xa foi cancelada polas previsións meteorolóxicas adversas

02/11/2023

A Deputación de Pontevedra pechou os castelos de Soutomaior e Sobroso pola alerta amarela derivada do ciclón bomba Ciarán. Está previsto que os castelos permanezan pechados ao longo desta xornada por precaución, debido a que o fenómeno meteorolóxico extremo xa ocasionou caídas de ramas de árbores en ambos os dous recintos.

Para este xoves estaba previsto que o castelo de Soutomaior acollese unha visita de 35 alumnos do IES de Rodeira de Cangas, que foi xa cancelada por mor do vento e da chuvia. Na xornada de mañá o castelo de Soutomaior acollerá outro grupo de 36 escolares do CPR Labor de Vigo que, en principio, se mantén, aínda que se  valorará a cancelación da visita en función da evolución do fenómeno meteorolóxico.

Tanto o castelo de Soutomaior coma o de Sobroso teñen abertas as súas portas ao público entre o martes e o domingo. En Soutomaior as visitas teñen lugar entre as 10:00 e as 19:00 horas, e en Sobroso, de 10:00 a 13:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas.