A Deputación aproba unha achega de preto de 50.000 euros para que o Concello de Catoira repare a cuberta do pavillón municipal

O deputado provincial Javier Tourís visitou as instalacións para anunciar a resolución favorable destes recursos do III Plan de Infraestruturas Deportivas para arranxar os danos provocados polo temporal na instalación

05/02/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de preto de 50.000 euros para que o Concello de Catoira repare a cuberta e a entreplanta sueste do pavillón polideportivo municipal. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, e con ela dáse reposta á demanda do Concello de Catoira debido aos graves danos sufridos na cuberta da instalación despois do temporal da última semana. O deputado provincial Javier Tourís e a directora de Deportes, Xisela Aranda, visitaron o recinto deportivo para coñecer de primeira man o seu estado e para anunciar a aprobación destes recursos provinciais, cos que o concello acometerá os traballos necesarios para renovar o tellado e garantir a seguridade e recuperación do espazo deportivo.

“Con esta rápida actuación volvemos demostrar a nosa capacidade de escoita e resposta ás necesidades reais dos concellos -asegurou Tourís-, especialmente en situacións sobrevidas como as provocadas por fenómenos meteorolóxicos adversos, garantindo que os servizos públicos esenciais poidan manterse en condicións adecuadas”. Deste xeito, o deputado recordou que cos recursos provinciais Catoira substituíra as placas que levou o vento, reforzando a súa fixación con máis correas e revisando e selando os parafusos. Ademais, na zona destinada a ximnasio instalarase un sistema de renovación de aire, colocaranse reixas e pechamentos para controlar o acceso e o emprego de material deportivo e realizaranse outros traballos complementarios. Desta maneira, o Concello poderá reabrir estas instalacións, pechadas desde a fin de semana, un dos espazos máis empregados non só por veciños, senón tamén polo CPI Progreso de Catoira, a Sociedade Deportiva Catoira de Fútbol e o Club de Piragüismo As Torres-Romaría Viquinga.

Este terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas está dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes. En concreto, Catoira recibirá nesta terceira edición do plan un total de máis de 95.500 euros para a mellora das súas instalacións deportivas.

Galerias de imagenes