Luis López remarca o incremento de máis dun 20% nas axudas ao deporte de alto nivel, que pasan dos 405.000 aos 500.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar a liña de axudas dirixida aos deportistas de alto nivel e promesas, que distribuirá recursos que oscilan entre os 575 e os 3.300 euros 

19/06/2026

Luis López na conferencia de prensa axudas de alto nivel

Luis López remarca o incremento de máis do 20% nas axudas ao deporte de alto nivel, que pasan dos 405.000 euros aos 500.000 euros e cuxas bases acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Esta liña de axudas provincial, dirixida a deportistas de alto nivel e promesas, distribuirá recursos que oscilan entre os 575 e os 3.300 euros. “Seguimos demostrando que esta é a provincia do deporte, que a nosa aposta polo deporte é unha realidade e que imos seguir traballando para espallar o talento deportiva desta provincia.”, asegurou o presidente provincial.

O presidente detallou que as axudas DEPO_DAN e DEPO_DAN+ (discapacidade física, intelectual ou visual) van dirixidas a deportistas, adestradores ou xuíces e árbitros nados ou empadroados na provincia de Pontevedra co recoñecemento de alto nivel de Galicia ou de España. Pola súa banda, as axudas DEPO_TALENTO beneficiarán aos deportistas nados entre 2009 e 2014 que teñan acadado algunha das tres primeiras posicións en campionatos de España ou participasen en campionatos de Europa ou do mundo. 

No primeiro caso, DEPO_DAN,  as axudas serán de entre 600 e 2.400 euros segundo a súa clasificación en copas e campionatos do mundo, de Europa, de España ou de Galicia. Así obterán 2.400 os que acadaron algún dos tres primeiros postos en copas do mundo; 1.500 os que conseguiron o 4º posto en copas do mundo ou os tres primeiros en campionatos de Europa; 1.080 € os que alcanzaron o 4º posto en copas de Europa ou os tres primeiros en campionatos de España e 600 os que obtiveron o 4º posto na copa de España ou os tres primeiros na de Galicia.

Pola súa banda, na modalidade DEPO_DAN+, para deportistas de alto nivel con discapacidade física, intelectual ou visual, as axudas oscilarán entre os 1.100 e os 3.300 segundo a súa clasificación en copas e campionatos do mundo, de Europa, de España ou de Galicia. Así, obterán 3.300 € os que acadaron algún dos tres primeiros postos en copas do mundo; 2.200 € os que alcanzaron o 4º posto en copas do mundo ou algún dos tres primeiros en campionatos de Europa; 1.650 € se conseguiron o 4º posto en campionatos de Europa ou algún dos tres primeiros en campionatos de España; e 1.100 se obtiveron o 4º posto en probas de España ou os tres primeiros en copas galegas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.