A Deputación leva este domingo a Oia un espectáculo familiar de monicreques no marco do circuíto +Escénicas
A función, a cargo de Seisdedos Marionetas Tradicionais, terá lugar na Praza de Abastos ás 17:00 horas
19/09/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 20 de setembro a Oia ‘O cego de monifates’, un espectáculo de monicreques para todos os públicos encadrado na programación do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. A función, da compañía Seisdedos Marionetas Tradicionais, terá lugar a partir das 17:00 horas na Praza de Abastos municipal.
‘O cego dos monifates’ representarase usando a técnica tradicional do bululú galego na que o “lazarillo” manipulaba os bonecos oculto na capa do cego que tocaba a zanfona. Na función representaranse contos medievais e populares, romances históricos, romances de cego, pequenas pezas teatrais ou cancións tradicionais que reflexan a dinámica clásica de picaresca e enganos entre cego e lazarillo. As danzas e cancións incorporadas no espectáculo buscarán a participación do público.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.