A sexta ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas” pola enseada de San Simón esgota tódalas prazas

A camiñada guiada por este paraxe do interior da ría de Vigo desenvolverase o 6 de novembro

27/10/2022

En tan só dúas horas dende a apertura do prazo de inscrición, quedaron esgotadas a totalidade das 25 prazas ofertadas para participar na sexta ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas” pola enseada de San Simón. A camiñada, de balde e organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife, desenvolverase o 6 de novembro nunha actividade na que as persoas participantes poderán coñecer a riqueza ornitolóxica do lugar e concienciarse sobre a preservación dos espazos naturais protexidos.

A andaina pola enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. Da súa man, as e os participantes descubrirán algunhas das especies que se atopan neste espazo onde a influencia das mareas propicia, nesta paisaxe intermareal, a invernada e o paso migratorio no outono e na primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, ademais dunha gran riqueza de contornos arbóreos que o converten nun espazo protexido pola Rede Natura 2000. Ademais do parrulo asubiador, que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, é posible observar outros anátidos atractivos. Resaltan tamén limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo, o mazarico real e ardeidos coma a garza real, a garzota común, gaivotas varias, corvos mariños e paxariños coma o vistoso picapeixe.

Tras esta penúltima ruta, e despois de pasar por localizacións como o Complexo Intermareal Umia-O Grove, as Ribeiras do Río Umia, o Parque Natural do Monte Aloia, as Brañas de Xestoso, e a Serra do Suído, o programa “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 18 de decembro coa ruta pola desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio-Pontevedra).

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 12 resultados.