Cartel de completo na Deputación para a estrea de “Un biolo na noite”, microteatro para poñer en valor a memoria histórica

O pazo provincial acolle mañá mércores ás 19 horas a posta en escena da peza de Ana Abad gañadora do I Premio de Microteatro da Deputación e a ESADg, e a entrega do galardón da última edición a Sara Rey

01/02/2022

Cartel de completo e longa lista de agarda para a estrea de ‘Un biolo na noite’, a peza gañadora do I Premio de Microteatro da Deputación de Pontevedra e a ESADg para poñer en valor a Memoria Histórica. O salón de actos do Pazo Provincial quedarase pequeno para a celebración, que incluirá tamén a entrega do galardón da última edición -fallada en decembro de 2021- á dramaturga Sara Rey pola obra ‘A patente do sol’.
‘Un biolo na noite’ é unha creación da dramaturga Ana Abad de Larriva e está dirixida por Natalia Feijoo, sendo interpretada por Mariña Lestón e Álvaro Lourido. A peza está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista -e durante catro anos-  viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, onde morreu enfermo de tuberculose e onde tivo tamén que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias. 

Pola súa parte, a directora de escena e dramaturga Sara Rey tamén recibirá o  ‘II Premio de Microteatro da Memoria’ convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) pola peza ‘A patente do sol’. O xurado destacou a obra entre os traballos presentados pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente, a súa carga emocional e tamén a súa viabilidade escénica.

Ademais do teatro e a entrega do premio o evento de mañá no Pazo Provincial tamén contará coa participación musical de Marcelo Dobode, un músico comprometido coa memoria histórica que xa ten participado noutros certames similares e que destaca por pasar as fronteiras da tradición para elevar novas melodías á vangarda da música sen etiquetas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.