A Deputación leva ata o palacete das Mendoza a exposición “Pasión por la pintura”, do pintor Luis Rivas

A mostra do artista pontevedrés abre as súas portas na sede de Turismo este venres 23 de febreiro e poderá visitarse ata o 10 de marzo

17/02/2024

A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres, 23 de febreiro, a exposición “Pasión por la pintura”, do artista pontevedrés Luis Rivas. Na mostra, o tamén exfutbolista profesional fai a súa interpretación do vangardismo histórico e da clásica Escuela de París cunha linguaxe propia. A exposición, que se poderá visitar ata o 10 de marzo, presenta unha pintura de base xeométrica a través de estruturas paisaxísticas arquitectónicas, construcións utilizadas en grandes espazos e un rico cromatismo para, deste xeito, renovar a mirada de artistas coma Mondrian, De Chirico ou Léger.

Rivas comezou no mundo da pintura no estudio do tamén pintor pontevedrés Manuel Aramburu, actividade que complementou máis adiante nos corredores da Facultade de Belas Artes, concretamente nas clases e nas materias das pinturas vangardistas de finais do século xix e principios do xx, xunto co profesor Antón Castro. Tras pasar por unha primeira etapa figurativa e apuntar cara á abstracción e á cor, actualmente os seus traballos en óleo buscan a beleza, a harmonía en formas e espazos diferentes, sempre marcando unha linguaxe propia.

“Pasión por la pintura”, que acollerá o palacete das Mendoza, pode visitarse desde o venres 23 febreiro ata o 10 de marzo, de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e domingos de 10:00 a 14:00 horas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.