A Deputación financiará integramente dous proxectos de modernización de instalacións deportivas no Grove e Vilanova de Arousa, cun investimento de máis de medio millón de €

No Grove financiará o 100% do acondicionamento do pavillón de deportes do CEIP Plurilingüe Conmeniño, que ascende a 303.000 €, e en Vilanova de Arousa a renovación do campo de fútbol de Pontearnelas, onde investirá 226.000 €

 

26/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novos recursos no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas que, unidos aos fondos do Plan +Provincia, permitirán financiar integramente dous proxectos de modernización de instalacións deportivas no Grove e Vilanova, onde investirá máis de medio millón de euros. Ademais destas achegas, a Xunta de Goberno deu luz verde para destinar outros 64.000 euros a Silleda, para acometer obras de instalación  dun skatepark e dunha pista multideportiva na praza Juan Salgueiro.  

No caso do Grove, a Deputación de Pontevedra financiará o 100% do acondicionamento do pavillón de deportes do CEIP Plurilingüe Conmeniño, que ascende a 303.000 € dos cales 214.000 proveñen do Plan +Provincia e 73.000 do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Neste espazo, que se atopa na actualidade en mal estado de conservación, procederase a substituír a cuberta, a aplicar un morteiro acrílico no exterior e a construír unha rampla de acceso.

Pola súa banda, en Vilanova de Arousa a institución provincial investirá 226.000 euros (156.149 € do Plan +Provincia e 70.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas) no cambio do céspede artificial do campo de fútbol de Pontearnelas por un de nova xeración. Será un sistema de céspede artificial de fibra monofilamento bicolor (verde claro e escuro), con marcaxe branca, segundo as normas da RFEF, do mesmo material que o resto do céspede. Os traballos inclúen a desmontaxe do céspede actual e do equipamento deportivo, a regularización do pavimento asfáltico, a limpeza do sistema de drenaxe, o subministro e instalación do novo céspede e a montaxe do equipamento deportivo.

Ademais destes recursos, tal e como explicou o presidente provincial Luis López,  a Xunta de Goberno deu luz verde a outros 64.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o concello de Silleda. Con estes recursos, o Goberno local acometerá obras de instalación, na praza Juan Salgueiro, dun skatepark e dunha pista multideportiva. O primeiro proxéctase nunha parcela municipal situada nas proximidades da praza, ao carón da rúa Antón Alonso Ríos, e contempla a instalación de varios módulos para a práctica de patinaxe. No caso da pista multideporte, que terá canastras de baloncesto e porterías para fútbol, contará cun deseño modular. Neste caso, estará localizada no espazo público xa existente da praza.

Ata o momento, o Goberno provincial xa mobilizou máis de 2,1 millóns de  euros chegando así ao ecuador do orzamento total do plan, que se abriu a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Polo de agora aprobáronse recursos para A Cañiza, A Estrada, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Grove, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.