A Deputación tingue o seu Pazo Provincial de amarelo este sábado e domingo con motivo do Día Mundial da Endometriose
A institución súmase un ano máis á iniciativa promovida por querENDO que se celebra cada ano o 14 de marzo
14/03/2026
A Deputación de Pontevedra tinguirá de amarelo o seu Pazo Provincial desde este sábado ás 19:30 horas ata o domingo 15 de marzo ás 7:30 horas ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Endometriose. Deste xeito, a institución súmase ás reivindicacións de “querENDO”, Mulleres con endometriose, para conmemorar esta data e dar visibilidade a todas aquelas mulleres que a padecen.
O Día Mundial da Endometriose celébrase o 14 de marzo co obxectivo de informar ao conxunto da sociedade sobre os síntomas da enfermidade, a súa diagnose e os diferentes tratamentos existentes. Trátase dunha patoloxía de causa descoñecida que consiste no crecemento de tecido endometrial fóra do útero que pode producir fortes dores.
A asociación galega querENDO lembra que a endometriose é unha doenza que afecta ao 10% das mulleres en idade fértil, o que se traduce nunhas 60.000 galegas, e que se ben a concienciación cada vez maior da poboación está a facilitar a súa detección dunha maneira cada vez máis precoz, a día de hoxe aínda ten unha media de retraso no seu diagnóstico duns 8 anos.